Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Documentación » Historia e Literatura
Correo Electrónico

Mapa da Web

Obradoiro

As Nosas Gaitas

Tenda

Documentación

Galería de Imaxes

Historia e Literatura

Manual e Consellos

Preguntas Frecuentes

Partituras e Cancións

Noticias

Susana Seivane

Contactar
Segundo os expertos, a gaita, como elemento cultural de posible orixe celta, introduciuse en Galicia posiblemente moito antes da era cristiá. Sexa como fose, o certo é que a gaita é tan remota como a nosa propia historia.

Orixe e Transcendencia | A Evolución do Instrumento

Literatura da Gaita | Anécdotas de Gaiteiros


Orixe e Transcendencia

A antigüidade da súa orixe e o ámbito xeográfico que abrangue, teñen como consecuencia unha evolución progresiva e vigorosa de adaptación ao medio e ás culturas nas que se mantén viva.

Comezou sendo un punteiro ao que se lle engadiu un odre de reserva de aire para conseguir un son continuo e independente da insuflación directa. O ronco aparece arredor do século IX e resultou ser un grande avance ao dotar a un punteiro con fol dun pedal grave e constante, que será a base da que derivan e evolucionan as distintas gaitas. No caso da galega, emite a tónica do punteiro, pero dúas oitavas máis grave, e toma xa carta de identidade na propia idade media.

Tempo máis tarde, vánselle engadindo á gaita, con punteiro e ronco, dous bordóns máis: o chión e a ronqueta. Despois dalgúns titubeos sobre a súa situación, a sabedoría popular acabou por colocalos onde actualmente están: unidos ao lateral dereito do fol. Esta especial disposición dos tres pedais tonais fai que o instrumento envolva o gaiteiro coa súa harmonía, e distingue e singulariza esteticamente a nosa gaita con respecto ás doutras zonas xeográficas e culturais. As diferenzas tímbricas e relativas á técnica de execución son tamén importantes, mesmo en relación con gaitas xeograficamente próximas.

A gaita como instrumento popular pasa, ao longo da historia, por distintos avatares, dende estar condenada pola Igrexa, a ter presenza en todos os acontecementos sociais e litúrxicos.

Vive un forte período de declive dende o reinado dos Reis Católicos ata o rexurdimento da cultura galega, no século XIX, chegando, entón, a emerxer con tal forza que algúns gaiteiros case chegaron a equipararse con funcionarios, gozando de contratos de por vida e gran prestixio profesional.


Dende 1936, coa Guerra Civil, ata a década dos 70, volve decaer o seu auxe, polo menos oficialmente. Desprestíxiase a súa utilización, e redúcese ao estritamente folclórico, salvo raras excepcións.

A partir de aí, volve, pouco a pouco, popularizarse e é retomada como nunca por persoas recoñecidas cultural e socialmente e, sobre todo, por mozos. Nos anos 90 eclosiona de tal forma que o seu uso e a súa aprendizaxe se fixeron multitudinarios. Nunca na súa historia a gaita gozara dunha aceptación tan grande por todas as capas sociais.

Hoxe en día é recoñecida internacionalmente e, coa incorporación do seu estudo no conservatorio, equiparouse a outros instrumentos clásicos.

Gaiteiros ilustres como O Rilo, Ventosela, Penalta, Feijoo, gaiteiros de Soutelo, Os Morenos, Os Campaneiros, Os Tempranos, Os Garceiras, Ricardo Portela, Moxenas, Os Cruceiros, Os Montes, Os Rosales… e construtores como Villanueva, Santalices, Carril, Paulino, Xosé Seivane ou Antón Corral, entre outros moitos, contribuíron a manter, dignificar, construír e transmitir o noso instrumento e todo o seu legado durante os anos finais do século XIX e todo o XX.


A Evolución do Instrumento

Obsérvase nas gaitas antigas conservadas en museos e coleccións particulares, que a súa construción tende a “rústica”. Isto pode deberse, seguramente, á precariedade das ferramentas utilizadas e non aos propios artesáns que demostraron sobradamente a súa pericia e saber musical no seu legado. Na actualidade as técnicas de construción e maquinaria utilizada evolucionaron de modo que se conseguen calibrados e precisión impensables noutras épocas. Segue sendo, non obstante, a mestría do artesán actual a responsable da bondade do instrumento que constrúe.

Aínda que o deseño básico da gaita non variou substancialmente, axústanse os torneados aos gustos actuais, utilízanse materiais nobres como a alpaca ou a prata para os anelados e, como auténticos ourives, tállanse, grávanse ou incrústanse finamente con nácara, prata e outros elementos naturais ou sintéticos, para darlles un acabado realmente artístico a moitos destes instrumentos.


As madeiras utilizadas para a súa construción foron, case sempre, de árbores froiteiras (cerdeira, maceira, oliveira, pereira…), pero a máis valorada era a de buxo. Dende hai bastantes anos constrúense, sobre todo, de madeiras nobres, co que se crean novas tímbricas e se enriquece así a calidade deste instrumento tan antigo. As máis empregadas na actualidade son: granadillo, buxo, pau santo e cocobolo. Outras madeiras nobres tamén empregadas son pao rosa, ébano ou pau de Angola.

A pureza do son actual é fruto da búsqueda da perfección na afinación, da investigación tímbrica e do traballo cos harmónicos. Coa creación de novas tonalidades, compleméntase unha gran escala cromática e unha ampla tesitura, o que amplía as posibilidades do instrumento.


Literatura da Gaita

Refráns e coplas



Xesús Ferro Ruibal

A gaita, o gaiteiro, tiveron sempre papel principal no reparto da literatura galega. De feito, xa son protagonistas no primeiro libro escrito na nosa lingua: ‘A Gaita Galega’ do pontevedrés Xoán Manuel Pintos, así como na primeira revista publicada enteiramente en galego na Habana entre 1885 e 1889, e tamén chamada ‘A gaita galega’. Os versos de Rosalía foron, así mesmo, morada desas dúas verbas que forman os cimentos da nosa cultura musical tradicional e que, desde entón, festexan xuntas nas estrofas e nas prosas de moitos outros escritores galegos.

A literatura popular bota, do mesmo xeito, man do home e do instrumento en multitude de cantigas, romances, poemas e refráns. Grazas ao noso amigo Xesús Ferro Ruibal, filólogo, escritor e membro da Real Academia Galega, podemos contar, nesta páxina, cunha fenomenal colección de composicións populares que conteñen estas referencias. Quere Xesús que circulen e se espallen, precisamente, entre a xente que entende, quere e toca a gaita: os gaiteiros.

Para pobre, ponte xastre,
para rico, zapateiro,
para puñateiro, crego,
para borracho, gaiteiro.
Bartolo ten unha gaita,
a muller ten un violo,
cando se a muller asaña,
tócalle a gaita Bartolo.
A gaita a ninguén fai mal,
se non é a quen a toca.

Se o desexa, pode descargar, en formato PDF, a colección de refráns e coplas de Xesús Ferro Ruibal aquí:

literatura_da_gaita.pdf  (108 KB)
Requiere Adobe® Reader®, programa gratuíto que pode obter pulsando
no seguinte logo:


Pregón homenaxe á gaita e ó gaiteiro



Manuel Rico Verea

Manuel Rico Verea naceu en Boimorto, A Coruña. Actualmente vive no concello de Bergondo é e o xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da Delegación Provincial de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Coruña.

Lingüista, músico e musicólogo, ten publicado varios traballos nas tres disciplinas. Foi fundador do grupo folk A Quenlla e, na actualidade produce documentos sonoros no obradoiro de música tradicional que dirixe.

O seu traballo máis intenso no ámbito musical encádrase no estudio e investigación da etnomusicoloxía tradicional galega. Sobre esta materia impartiu conferencias, participou en congresos de música tradicional, escribiu na prensa e realizou programas de radio na RNE acadando varios premios pola súa labor.

Entre o verso e a prosa, Manuel Rico glosa á gaita e ao gaiteiro no pregón que nos cede amablemente para publicar nesta páxina, e que leu en Ribadulla na homenaxe ao gaiteiro Manuel Texo no ano 2006.

Se o desexa, pode descargar, en formato PDF, a pregón homenaxe á gaita e ó gaiteiro en Ribadulla aquí:

pregon_homenaxe.pdf  (108 KB)
Requiere Adobe® Reader®, programa gratuíto que pode obter pulsando
no seguinte logo:



Anécdotas de Gaiteiros

Ricardo Portela Bouzas

de Viascón - Cotobade - PONTEVEDRA (1920-1992)

Segundo conta o seu biógrafo, José Luís Calle, no seu libro Ricardo Portela, dúas palabras verbo de gaita galega, Ricardo rexeitou sempre o emprego de instrumentos de baixa calidade. Mantén unha postura firme en contra dos malos artesáns que denigran a imaxe do instrumento. Hai anos, un defensor destes artesáns presentoulle ao Gaiteiro de Viascón, un suposto punteiro marabilloso insinuando que o músico podería non estar á altura do instrumento. Portela negouse en redondo a tocar aquel dispositivo e engadiu: “Isto é tan malo que non serve nin para botalo ao lume; ata é posible que non arda”. Ao día seguinte tocou cun bo punteiro no mesmo lugar. O sensible interlocutor deuse conta da calidade do gaiteiro…

- “Nótase que non é a primeira vez que toca vostede”.
- “Non señor, xa tocara algo esta mañá”.

Portela sempre botou de menos o son dunha gaita que fora construída por Antón Represas e que lle roubaron na súa xuventude. En 1979 descubriuno de novo noutra de Xosé Seivane, segundo el, un dos mellores construtores de todos os tempos. Con este novo instrumento, Portela recobra a ferramenta indispensable para levar a cabo a súa tarefa máis querida.

Varios foron os punteiros que lle construíu Seivane co afán de poder darlle todo o que el esixía: ton, dixitación “pechada”, etc. Chegou a bautizar a un deles en Dó brillante co nome de “Stradivarius” e non dubidou en afirmar que Xosé Seivane foi o que preservou o timbre das vellas gaitas e perfeccionou a súa afinación.

Compartiron Xosé e Ricardo unha profunda amizade e recoñecemento mutuo pola calidade que cada un lle imprimía ao seu traballo ata que a morte sorprendeu o xenial gaiteiro antes de poder gozar a última gaita que lle encargara a Seivane.

Susana Seivane, neta de Xosé, compartiu escenario con Ricardo en varias ocasións das cales conserva moi bos recordos.

No concurso Memorial Ricardo Portela que cada ano se celebra en Pontevedra, o Obradoiro de Gaitas Seivane doa unha gaita como premio especial á mellor interpretación dunha peza do repertorio daquel home que nos asombrou a todos con aquel “toque pechado” irrepetible.

Hermenegildo Fernández Méndez «HERME»

de A Fonsagrada - LUGO (1918-1996), afincado en Santiago de Compostela.

Herme era aquel home amable -aínda que con carácter- e amantísimo da gaita, a pesar de abandonar o seu uso habitual durante os máis de corenta anos que pasou na Garda Civil. Desempoábaa e afinaba cada día do Pilar, patroa do corpo, para tocar na súa honra.

Unha vez retirado, entrou en contacto co mundo da gaita moderna e comezou a elaborar palletas para surtir as novas xeracións de músicos tradicionais que atestaban toda Galicia. Deixou pegada nesta tarefa xa que son moitos os gaiteiros que aprenderon con el a facer palletas nos lendarios e numerosos cursos que impartiu sobre esta disciplina. Herme era un home recto e de ideas claras. Din os seus discípulos que gustaba de ditar, palabra por palabra, os apuntamentos que recollían cada unha das súas instrucións para construír unha boa palleta que, segundo afirmaba, é o cincuenta por cento da gaita.

Amigo de Xosé Seivane, Herme chegoulle a encargar a este sete gaitas afinadas dende La bemol ata Mi. Aínda que lle gustaban as tonalidades graves, gozaba tamén cos seus “caprichos” agudos.

Segundo as súas propias palabras no libro Doce polainas enteiras (Ed. Do Cumio, 1998), os instrumentos de Seivane contribuíron co seu timbre, calidade e perfectísima afinación ao alto nivel que hoxe teñen os gaiteiros galegos.

Nazario González Iglesias, «MOXENAS»

de Sárdoma - Vigo - PONTEVEDRA (1934-1995)

Fundador do mítico grupo Muxicas, este sen par gaiteiro vigués entrou en contacto con Xosé Seivane debido á rotura fortuíta dun punteiro. Este instrumento afinado en Dó brillante (Stradivarius, segundo Portela) pedírao prestado para unha importante actuación. Despois dela, e durante a súa limpeza, o punteiro quebrouse polo que se viu na obriga de encargar outro para llo devolver ao seu propietario.

Moxenas habería de viaxar ao obradoiro que Seivane tiña, naquela época, en Ribeira de Piquín (Lugo) para recoller o seu encargo. Xosé Seivane esperouno durante toda a tarde, pero Moxenas apareceu ás dúas de madrugada, despois dun longo día de viaxe que o levou, por confusión á Rúa de Valdeorras na provincia de Ourense. Este concello é veciño de Petín e ambos os dous comparten unha única estación ferroviaria Rúa-Petín que deu lugar a múltiples confusións, entre elas a de Moxenas, con Ribeira de Piquín.

Aquel foi o comezo dunha gran relación de amizade con toda a familia Seivane. Para Xosé compuxo “Xota para Xosé Seivane”. Tamén Susana Seivane coincidiu con el en varias ocasións e recibiu os seus consellos e a composición de “Agachadiña”, creada especialmente para ela por Moxenas.

Tamén poeta, escribiu sobre a gaita:

«Se me colles non me rompas
Se me tocas faino ben
Quen en mín foce, sóbrame
e quen me desafine tamén.»
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CECEBRE - CAMBRE - A Coruña - España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es