Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Documentación » Manual e Consellos
Correo Electrónico

Mapa da Web

Obradoiro

As Nosas Gaitas

Tenda

Documentación

Galería de Imaxes

Historia e Literatura

Manual e Consellos

Preguntas Frecuentes

Partituras e Cancións

Noticias

Susana Seivane

Contactar
A continuación, poñemos á súa disposición a información que figura no manual que acompaña a todas as nosas gaitas e no que se detalla:

Contido da Embalaxe | Precaucións de Uso e Mantemento Xeral

Descrición das Partes do Instrumento | Táboa de posicións de dixitación

Ideas Básicas sobre o Retoque da Palleta | Garantía Seivane


Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do manual que se envía con cada gaita:

seivane-manual.pdf  (599 KB)
Requiere Adobe® Reader®, programa gratuito que pode obter pulsando no seguinte logo:



Contido da Embalaxe



Cando abra a embalaxe do seu instrumento (caixa de cartón ríxido), atopará os seguintes elementos:

O manual de instrucións

Nel poderá atopar diversos e interesantes trucos para a conservación e o mantemento da súa gaita.

Estoxo ríxido para gaita

Novo estoxo de alta calidade, deseñado especialmente para ofrecer un cómodo transporte e unha excelente protección física e térmica. Dispón de varios petos externos, un departamento para os efectos persoais e ocos internos para os accesorios da gaita. Grazas á versatilidade das súas asas, pode levarse de bandoleira ou mesmo de mochila.

A gaita

Fabricada e revisada no Obradoiro de Gaitas Seivane co máis alto nivel de calidade. Para montala soamente será necesario unir as partes do ronco que están separadas para o seu transporte.

Xogo de repostos

Inclúe unha palleta, unha válvula (Seipón) para o soprete, dúas válvulas (Seipal) e un botón.

Baquetas de limpeza

Conxunto de tres baquetas deseñadas especialmente para a limpeza das partes internas da gaita. Consta dunha baqueta para o punteiro, outra para as buxas e encastres femias e unha terceira para o soprete.

Un bote de Seite

Aceite de améndoa de alta calidade, só para a limpeza interna do punteiro. Non usar noutras partes da gaita, podería perxudicar as válvulas do Seipal e Seipón.

Recoméndase botar como na foto, dúas gotas por un furado e a continuación untar coa baqueta de limpeza. Frecuencia de uso, dúas veces ó ano.

Capuchón protector para punteiro

Capuchón feito en madeira de buxo que colocado no punteiro protexe a palleta e introducíndolle a boquilla desmontable do soprete, permite tocar directamente co punteiro.

Baeta amarela

Para a limpeza xeral do instrumento, co obxecto de eliminar o ácido que as mans deixan sobre este.

Baeta azul

Especial para lustrar as anelas metálicas da súa gaita (incluída soamente en modelos de gaita con anelados metálicos, excepto Seinox). Poden utilizarse outros produtos para limpeza de prata, tendo especial coidado de non os aplicar sobre a madeira.

Un taco de madeira

Para facer de base do despunte da palleta.

Unha navalla

Para o raspado e despuntado da palleta.

Un bote de Seibo

Especial para lubricar as cortizas. A pesar de estar nunha caixa hermética, o Seibo é vulnerable á calor, polo que o recomendamos ter na casa. Non é necesaria a súa conservación en frío.

DVD Seivane O apelido da Gaita

Documento audiovisual sobre Seivane.


Precaucións de Uso y Mantemento Xeral

•   Poña atención ao desembalar o paquete para comprobar que non sufriu danos no seu transporte. Comprobe o contido e que todo se atope en perfecto estado.

Protexa a súa gaita da chuvia, da exposición prolongada aos raios do sol e dos cambios bruscos de temperatura e humidade.

Nunca deixe a gaita no maleteiro dun coche ao sol nin tampouco en noites frías. Isto podería provocar serios danos no instrumento, ademais do risco evidente de roubo.

Nunca debe somerxer o instrumento en ningún tipo de líquido.

Sexa coidadoso co estado no que deixa en repouso a súa gaita. As súas partes cilíndricas e o fol non ofrecen unha estabilidade fiable para o seu soporte e podería rodar ou esvarar.

Á hora de manipular a palleta, teña sumo coidado ao extraer o punteiro da buxa, pois calquera rozamento da palleta pode deixala inservible. Sempre debe suxeitar o punteiro preto da buxa (pola mesa); se o fai por outro lado podería romper.



Extraendo o punteiro da buxa

•   Nunca debe coller o punteiro pola campá ou o corpo para xiralo ou intentar sacalo xa que é moi doado quebralo. Unha boa operativa consiste en coller a buxa coa man esquerda e a mesa do punteiro coa man dereita. Co dedo polgar dereito, exercendo unha presión sobre a buxa, xirar e, á vez, extraer o punteiro con moito coidado ata o final da cortiza. O dedo polgar dereito debe coordinar as dúas mans para que o punteiro saia recto e, polo tanto, a palleta non roce os bordos da buxa.

Teña moito coidado cos golpes e rozaduras, xa que poden contribuír a que rache a madeira á vez que deterioran o estado xeral do instrumento.

Comprobe que as palletas e pallóns estean introducidos firme e hermeticamente nos seus asentos.

Cando inche o fol, procure facelo de modo que introduza a menor cantidade de humidade posible. Unha vez conseguida a presión necesaria para o funcionamento acústico da gaita, procure mantela constante con axuda do seu brazo (tempero). Faga un uso razoable do aire almacenado no fol e evite insuflacións excesivas que só achegarían exceso de humidade. Recorde que o fol é unha reserva de aire que hai que saber administrar.

Se algún dos pallóns se para ou a palleta non soa, non force en exceso a presión do fol xa que podería danalos. É mellor desmontalos e descubrir a causa do mal funcionamento.

Se vai deixar a gaita sen utilizar por un período prolongado de tempo, desmonte todas as súas pezas para que, na medida do posible, as cortizas recobren a súa elasticidade inicial. Retire as palletas e pallóns e procure ventilar o fol para secar ben o seu interior. Unha vez que se asegure de que non hai humidade, envolva as pezas por separado para evitar que se raien e gárdeas no seu estoxo protector.

Este hábito de desmontar todas as pezas da gaita sería, mesmo, aconsellable en períodos de dous a tres días para conseguir unha maior duración das cortizas.

Non utilice produtos abrasivos para a limpeza da súa gaita. Use sempre a baeta amarela subministrada para a limpeza xeral da madeira e anelas despois de utilizala.

Para a conservación da madeira pode utilizar un bo produto para mobles que conteña silicona. Para as anelas metálicas utilice a baeta azul, ou ben algún produto para a limpeza da prata. A baeta azul está impregnada dun po especial chamado “alunita” que seguirá sendo efectivo aínda cando ennegreza polo que non debe ser lavada.

Para a limpeza das partes internas da gaita, use o kit de limpeza interior, composto polas tres baquetas e o bote de Seite. Teña precaución de usar só o Seite para a limpeza interna do punteiro, non usar noutras partes da gaita, podería perxudicar as válvulas do Seipal e Seipón. Recoméndase botar dúas gotas por un furado do punteiro e a continuación untar coa baqueta de limpeza. Frecuencia de uso, dúas veces ó ano.

O fol de Gore-Tex® non ten mantemento ningún. O seu tecido microporoso é transpirable, o que significa que a humidade que se condensa no seu interior, tende a saír polos poros polo fenómeno de osmose. En ambientes húmidos, é recomendable sacar o soprete para evitar a acumulación de humidade cando deixe de usar a gaita. En ambiente secos ou moi secos, débese introducir, de cando en vez, unha pequena cantidade de auga (medio vaso: de 5 a 6 cl) no interior do fol unha vez que se sacaran todos os elementos sonoros e taponado a buxas. Isto contribúe a impregnar as paredes internas co fin de que conserven certa humidade conveniente para a palleta.



Válvula do Soprete


Seipón


Lubrificando cortizas con Seibo

•   Se a válvula do soprete deixa de ser efectiva, debe ser substituída por un recambio. Retire o cravo que suxeita esta con axuda duns alicates ou tenaces e desbote a defectuosa. O soporte do cravo debe exercer a mínima presión sobre a válvula. Se dispón do novo sistema Seipón, pode substituír a válvula antiga polo recambio, e neste caso será suficiente atala cun fío, sen exercer moita presión.

É conveniente levar a cabo unha práctica moi saudable para o instrumento: cada vez que remate de usar a gaita, retire o soprete da buxa e sacuda enerxicamente a humidade que queda retida na válvula. É mellor non colocar o soprete ata que volva utilizar o instrumento, deste xeito, o aire húmido que permanece no fol, ten unha vía de escape máis efectiva alongando a vida útil das voces e os tubos sonoros á vez que a da mesma válvula.

As cortizas deben ser lubricadas lixeiramente con sebo de año ou cabrito ou tamén coa graxa especial Seibo que se subministra. Para os do ronco con buxa e ronqueta con buxa, non se debe abusar para evitar que xiren cando se afinan. Se, por algunha razón, algún espigo da gaita quedase excesivamente apertado no seu oco, suxeite unha peza con cada man (non use ferramentas que poidan marcar a madeira) e xíreas en sentidos opostos á vez que imprime lixeiros movementos de vaivén coma se fose a destapar unha botella de cava. As cortizas que selan as unións das diferentes partes da gaita, teñen unha vida limitada. Se se afrouxan ou rompen é recomendable que envíe o instrumento ao Obradoiro de Gaitas Seivane para substituílos por outros novos.

A gaita debe ser utilizada e mantida con certa regularidade xa que, como calquera instrumento de vento–madeira, alcanza a súa plenitude sonora tras un período de uso.


Descrición das Partes do Instrumento



A gaita componse das seguintes partes (segundo configuración):

Fol

É o elemento constitutivo da gaita que máis a caracteriza e a diferenza. Fai a función de almacén de aire que entra polo soprete e distribúeo aos distintos tubos sonoros -punteiro, ronco, ronqueta e chión- cunha presión controlada polo brazo do gaiteiro. Desta presión dependerán en boa medida, a boa afinación e tempero do instrumento.

Tradicionalmente facíase da pel da cabra pero, dende hai anos, utilízase tamén o de vaca ou, máis recentemente, o Gore-Tex®.


Fol de Gore-Tex®

Buxas

Son as pezas que unen os tubos sonoros e o soprete co fol, ao que están firmemente atadas e polas que entra ou sae o aire.

Punteiro

É a parte da gaita que produce a melodía. Ten un interior cónico -propio das gaitas atlánticas- con oito buratos melódicos e tres máis chamados oídos sonoros. A súa fonte sonora é unha palleta de lámina dobre, parecida aos do fagot, que produce un son forte e cargado de harmónicos.

Unha pequena rosca no aloxamento da palleta, permite que quede ben suxeita, evitando que se caia no interior do fol. Para colocar a palleta, xirar á dereita e para extraela xirar á esquerda.

Se dispón do Seitor, punteiro que incorpora o novo sistema de ton regulable, poderá correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita.

Ronco

O ronco componse de tres partes (prima, segunda e copa) enlazadas entre si polos espigos, que serven á vez para afinalo. Proporciona unha nota pedal grave e constante (dúas oitavas por debaixo da tónica do punteiro), que apoia harmonicamente á melodía. A súa fonte sonora é un pallón: pequeno tubo cunha lámina vibrante simple.

Ronqueta

A ronqueta consta de dúas partes e, ao igual que o ronco, emite unha nota continua pero esta vez unha oitava por debaixo da tónica do punteiro. Tamén ten un pallón como fonte sonora.

A ronqueta pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).

Chión

O chión tradicional leva, como fonte sonora unha palleta de lámina dobre igual á do punteiro. Emite a nota dominante ao unísono con este último polo que, ao estar unha quinta por enriba da tónica, resulta de gran valor harmónico nalgunhas melodías. Caracterízase fundamentalmente pola intensidade do seu son enxebre e polas disonancias coas notas próximas, especialmente coa sexta menor. Pode dar a sensación de que están a soar dúas gaitas a dúo, sobre todo en espazos abertos.

Despois dun proceso de estudo e investigación, o Obradoiro de Gaitas Seivane comercializa dende a década dos 80, o máis recente chión de pallón que, como o seu nome indica, utiliza un pequeno pallón como fonte sonora. As súas características físicas e acústicas son distintas, con respecto ao de palleta, a pesar de que tamén emite a dominante do punteiro, se ben unha oitava máis grave. Desta forma, as disonancias redúcense ao mínimo ou deixan de existir. O seu volume é moito máis suave e melódico, e a súa relación coa tónica do punteiro é distinta: unha cuarta xusta descendente.

Existe outro chión tamén de pallón, pero pouco utilizado no Obradoiro de Gaitas Seivane. Emite a tónica do punteiro a unísono. O seu principal problema radica na súa disonancia coa sensible, ademais de non achegar demasiado harmonicamente, ao repetir a tónica do mesmo modo que o ronco e a ronqueta.

O chión pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).

Soprete



Boquilla desmontable

Serve para insuflar o aire no fol, evitando que este retroceda mediante unha válvula de retención. Recentemente desenvolveuse un novo sistema de válvula denominado Seipón, que ademais doutras vantaxes, aumenta a fiabilidade e permite unha substitución moito máis simple e rápida.

Os novos modelos contan coa boquilla desmontable e intercambiable que favorece a súa limpeza e que pode ser substituída por outras de igual ou distinta lonxitude.

Para extraer a boquilla do soprete, unha boa práctica que evita roturas é sacar a boquilla de forma alineada con respecto ó corpo do soprete, evitando unha presión excesiva ou un esforzo incontrolado lateral.

Funda ou Xustillo

Funda de material téxtil que recobre e protexe o fol á vez que lle dá forma, consistencia e mellora a súa presentación. A elección do tecido e cores adoita definir a personalidade do gaiteiro.

Fleques

Borlas e flocos de adorno a xogo coa funda.

Palleta

É a parte máis delicada e caprichosa da gaita e está formada por dúas láminas de cana, atadas sobre un tubo metálico chamado tudel. Produce o son orixe do punteiro.

Pallón

O pallón é o elemento que produce o son orixe do ronco, ronqueta e chión segundo o caso. O pallón tradicional é un tubo de cana dunha soa peza, á cal se lle levanta unha lámina vibrante por incisión sobre o propio tubo.

Pallón Seipal sintético + máis información

O novo pallón Seipal sintético é o resultado de longos estudos do Obradoiro de Gaitas Seivane, buscando unha estabilidade tonal en calquera circunstancia de humidade e temperatura, pero manténdose fiel ao son do pallón tradicional de cana.


Dixitación

Represéntase aquí a táboa de posicións da dixitación, referida á gaita en Dó. Faga clic sobre cada nota do teclado para visualizar a súa dixitación no punteiro.


Para os demais tons, e por motivos prácticos, usarase os mesmos nomes de nota, aínda que o seu son sexa distinto.

Hai notas con varias posicións, ás veces con diferenzas microtonais entre elas, que poden dar xogo para corrixir puntualmente a afinación, dependendo do estado e das circunstancias (palleta, punteiro, clima…). Permiten, igualmente, conseguir a escala temperada se se ha de tocar con instrumentos clásicos que a utilicen, ou usalas por comodidade en determinadas pasaxes que se interpreten.

Coa dixitación ordenada de forma natural, sen “tranquillas”, obtense a escala semitemperada que é a afinación actual da gaita galega, e sitúanse a medio camiño entre a escala natural conxénita da antiga gaita e a escala temperada moderna.

Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do taoba de dixitación:

seivane-digitacion.pdf  (47 KB)
Requiere Adobe® Reader®, programa gratuito que pode obter pulsando no seguinte logo:



Ideas Básicas sobre o Retoque da Palleta

Por diversos motivos e en determinadas ocasións, pode que o punteiro non afine correctamente por descompensación da súa escala, é dicir, pola aparición de desviacións tonais en máis ou en menos da parte alta do punteiro con respecto á súa tónica. A causa máis corrente adoita ser o “estado anímico” da palleta, pois as condicións ambientais aféctanlle moi directamente. Ás veces, poden corrixirse estas desviacións tocando durante certo tempo para aclimatar a palleta e o punteiro, pero non sempre sucede así. A palleta nova case sempre ha de ser readaptada mentres que a usada é normalmente máis estable. Non obstante, chega un momento en que esta pode entrar nun estado de cansazo e é entón recomendable axustala de novo para seguir usándoa.

Moxenas afirmaba que “o gaiteiro pasa media vida afinando e outra media tocando desafinado”. Se ben, no momento actual isto é, en xeral, menos certo, esta aseveración debe ser entendida como a preocupación e meticulosidade do gaiteiro por controlar a estabilidade da afinación do seu instrumento, pois desta depende o éxito final e o grao de satisfacción.



Palleta


Despuntando


Raspando

•  Se toda a escala de punteiro está alta hase de suplementar a palleta con fío, teflón ou papel fino para levantala un pouco no seu asento. A afinación tamén se fai máis grave raspándoa un pouco en xeral o que, á vez, abranda a palleta e é necesaria unha presión menor para facela sonar.

Se, estando a tónica centrada, se observa que, a partir da Sol (quinta), a escala resulta alta, hase de raspar un pouco a parte traseira da palleta e introducila un pouco máis no seu asento. Con este lixeiro pulido traseiro adoita baixar a tonalidade xeral pero en maior medida na parte alta do punteiro. Teña coidado de non se pasar no raspado.

Esta descompensación na parte alta tamén pode darse se as láminas están moi pechadas e moi secas. A solución: abrilas e humedecelas lixeiramente.

Se unicamente o Si e o Dó agudos saen altos raspar soamente dende a zona media cara á punta da palleta ou abrila lixeiramente.

Se se dá o caso contrario, é dicir, a parte alta grave con respecto á tónica, pode ser debido a:

·  Unha palleta demasiado usada ou demasiado pulida na zona traseira: debe ser despuntada.
· Excesivamente sacada do punteiro: introducila máis.
· Demasiado abertas as pas: axustar convenientemente.
· Demasiado ancha: limar ou lixar as pas para reducir a súa anchura.

Se toda a escala se presenta grave: palleta inadecuada, demasiado ancha, longa ou vella. Se é demasiado longa cabe o despunte, se é demasiado ancha pode intentarse estreitala un pouco pero, nos outros dous casos, haberá que utilizar unha nova. Outra razón pola que a afinación xeral sae grave pode ser a temperatura excesivamente baixa do punteiro. A solución é evidente: deixar que se tempere de modo gradual.

Deben dominarse todas estas ideas básicas para logo poder combinalas, experimentando, ata chegar a conseguir o que mellor convén en cada caso.

Un truco moi bo e inédito consiste en atar con fío, a partir do freo, sobre as pas de forma similar ao atado principal. Isto permítenos, atando máis ou menos, subir o ton. É un recurso moi eficaz, sobre todo en tempo frío ou con palletas que soan moi graves e que para facelas subir, habería que cortalas moito co que tamén se produciría descompensación.


Garantía Seivane

Unha coidada selección de madeiras e outros materiais que os compoñen, así como a pericia e experiencia dos artesáns que os elaboran, permiten que os instrumentos do Obradoiro de Gaitas Seivane lle poidan ofrecer ao usuario a seguridade de que ten nas súas mans un produto da máis alta calidade.

•   O Obradoiro de Gaitas Seivane garante, por un período de dous anos, todos os seus instrumentos calquera defecto de elaboración ou vicio oculto nos seus compoñentes.

Esta garantía enténdese a partir da data de compra, nun uso normal do instrumento e non cobre roturas ou danos causados por maltrato, descoido ou falta de mantemento deste.

Queda expresamente excluído desta garantía calquera instrumento que fose retocado, manipulado ou mecanizado, interior ou exteriormente, por persoal non autorizado ou fóra das instalacións do Obradoiro de Gaitas Seivane.

A garantía non contempla os compoñentes considerados consumibles como palletas, lubrificantes ou produtos de limpeza subministrados, agás os pallóns Seipal, que gozan de todos os seus beneficios.

O Obradoiro de Gaitas Seivane responderá, no seu caso, desta garantía nas súas propias instalacións, reparando gratuitamente o instrumento afectado ou substituíndoo por outro equivalente se fose necesario.

O Obradoiro de Gaitas Seivane resérvase o dereito a prestar ou non servizo técnico ou de mantemento, mesmo fóra de garantía, a aqueles instrumentos que fosen manipulados con malicia ou mala intención.
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CECEBRE - CAMBRE - A Coruña - España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es