Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Documentación » Preguntas Frecuentes
Correo Electrónico

Mapa da Web

Obradoiro

As Nosas Gaitas

Tenda

Documentación

Galería de Imaxes

Historia e Literatura

Manual e Consellos

Preguntas Frecuentes

Partituras e Cancións

Noticias

Susana Seivane

Contactar
Neste apartado dámoslles resposta ás dúbidas e preguntas máis frecuentes recibidas por parte dos nosos clientes ao longo dos anos sobre diferentes temas:

Afinación | Entrega e transporte | Mantemento | Outras

Se non atopa a resposta a algunha cuestión do seu interese ou algún aspecto non lle quedou claro, non dubide en poñerse en contacto connosco:

Teléfono: 981 676 656 • Correo electrónico: obradoiro@seivane.es


Afinación

1. ¿Cal é a diferenza entre chión de pallón e chión de palleta?

A principal e máis notoria é a fonte sonora que levan implícita cada un no seu nome.

O chión de palleta produce un son intenso que se caracteriza polas disonancias coas notas próximas producidas polo punteiro xa que está afinado na quinta deste.

O de pallón produce un son moito máis suave e melódico. Está tamén afinado na quinta do punteiro pero unha oitava máis grave, o que produce un intervalo de cuarta xusta descendente con respecto á tónica que reduce ao mínimo as disonancias. Este chión foi introducido no mercado polo Obradoiro de Gaitas Seivane na década dos 80, despois de longos estudos e experimentacións.

2. ¿Por que a nota de terceiro grao, con respecto a outros instrumentos, soa un pouco grave?

Porque esta nota está afinada pola escala natural para que harmonice co ronco (tónica) e o chión (dominante). Para conseguir unha afinación temperada, hai que probar coas posicións 1 ou 2 (ver apartado dixitación).

3. ¿Que se necesita para pasar unha gaita en Dó a Si b?

Aparte de cambiar o punteiro, necesítase engadir un terzo (Dó–Si b) no ronco e unha copa de ronqueta especial, mantendo os pallóns de Dó.

4. Ás veces, co frío, non consigo poñer a gaita no ton, sae moi baixa

Para solucionar este problema, pode quentar paulatina e suavemente o punteiro ou utilizar unha palleta máis aguda. Tamén pode enrolar fío sobre as pas da palleta. Ver “Un truco moi bo na sección de ideas básicas sobre o retoque da palleta”.

5. ¿Como podo saber en que ton está a miña gaita?

Tapando todos os buratos tonais do punteiro agás o correspondente ao maimiño da man dereita, a nota resultante correspóndese coa tonalidade da gaita.

6. ¿Podo usar un afinador para afinar a miña gaita?

Si, sempre que teña en conta as desviacións necesarias para a afinación natural da gaita. Se afina todas as notas a centro de escala, conseguirá a escala temperada co que os roncos non afinarán co punteiro. (Véxanse as preguntas números 3 e 12).

7. ¿Como podo aprender máis sobre a afinación natural?

Existe un artigo de Carlos Real, Manuel Fernández e Xesús Vaamonde ao respecto que se titula “La afinación de la Gaita Galega, ¿escala natural ou escala temperada?”. Pode atopalo en www.arrakis.es/~jpresedo/afinacion.htm ou no portal web da Asociación de gaiteiros Galegos www.gaiteirosgalegos.com

8. ¿Serve calquera palleta para calquera punteiro?

Evidentemente, non. Cada tonalidade de punteiro ha de levar unha palleta elaborada para ela. En xeral, canto máis grave é o ton, máis grande será a palleta. Como referencia, unha palleta para un punteiro de Dó mide entre 34 e 35 milímetros de lonxitude.

9. ¿É bo mollar as palletas en augardente antes de tocar?

A palleta ha de contar con certa humidade para comportarse e funcionar correctamente, pero esta humidade non ten por que ser de base alcohólica. Algúns gaiteiros levan botes de auga clorada para proporcionar esa humidade con garantía de hixiene, sobre todo se son os responsables de probar máis dun punteiro. Se vive nunha zona de clima morno, a humidade requirida pode conseguirse simplemente co fluxo de aire dos dez primeiros minutos de utilización do instrumento.

10. ¿Como se afina unha gaita?

Comece polo punteiro. Afine perfectamente a tónica e siga as instrucións de afinación e compensación da escala que atopará na sección ‘Ideas básicas de retoque da palleta’. Unha vez afinado, introduza o punteiro na buxa, infle o fol e proceda a afinar o ronco tapando a ronqueta e o chión se os houbese. A afinación do ronco realízase por comparación tonal coa tónica do punteiro. Se non sabe inicialmente se o ronco está alto ou baixo, ábrao ou pécheo completamente para asegurarse que está grave ou agudo respectivamente con respecto á tónica do punteiro. Despois vaia variando a súa lonxitude mediante os espigos ata que casen perfectamente os harmónicos do ronco coa tónica do punteiro. Proceda de igual forma coa ronqueta. A operativa é a mesma para o chión coa advertencia de que a nota de comparación ha de ser aquela para a que foi construído.

Despois desta afinación inicial é conveniente tocar un anaco e retocala se é necesario.

Se nunca afinou unha gaita, é recomendable, en relación cos bordóns, que comece polo chión ou a ronqueta se os houbese, pois nestes dous tubos sonoros aprécianse mellor as posibles diferenzas cos harmónicos do punteiro.

11. ¿Que é o 'tempero'?

O tempero é a correcta coordinación da presión do fol en todo momento axustándoa ás necesidades dos tubos sonoros para unha afinación correcta. O brazo é o responsable de que esta presión sempre sexa constante, estéase ou non insuflando aire no fol. Isto quere dicir que, cando se introduce aire polo soprete, o brazo ha de compensar o aumento de presión exercido polos pulmóns cun aperte menor e viceversa.

12. ¿É correcto utilizar fita adhesiva para corrixir a afinación dunha nota?

É admisible como solución de compromiso ou para conseguir un efecto determinado nun momento puntual. Non obstante, é mellor utilizar unha palleta axeitada e axustala ao punteiro do modo que se explica no apartado ‘Ideas básicas sobre o retoque da palleta’.

Entrega e transporte

1. ¿Cal é o prazo de entrega dunha gaita?

Depende do modelo elixido e dos extras que se desexen pero, por termo medio, é de aproximadamente tres meses.

2. ¿A gaita vai suficientemente embalada para viaxar por transporte terrestre, marítimo ou aéreo?

Todas as gaitas saen do Obradoiro de Gaitas Seivane nun estoxo, encaixado nunha embalaxe de cartón, feito á medida.

3. Viaxo moito en avión e non quixera ter que facturar a miña gaita. ¿As medidas do estoxo Seivane corresponden cos límites fixados polas compañías aéreas?

Sí.

Mantemento

1. ¿Como se pode saber se o fol perde aire?

Retire, en primeiro lugar, todos os compoñentes das súas buxas, agás o soprete, e tapóneas ben con cortizas de modo que non deixen saír o aire. A continuación, inche totalmente o fol e oprímao co brazo. Se observa unha diminución excesiva do seu volume nun curto período de tempo, é síntoma de que a perda existe.

2. ¿Como podo limpar a funda da gaita?

Cunha limpeza en seco, nunha tinturería.

3. ¿Podo utilizar un produto común de limpeza da prata para os adornos en prata da miña gaita?

Si, pero con coidado de non tocar a madeira; tamén se pode utilizar a baeta específica para a limpeza da prata, que se entrega coa gaita.

4. ¿Como se lubrican as cortizas da gaita?

O mellor é Seibo, un produto elaborado polo Obradoiro de Gaitas Seivane. Non obstante, pode utilizarse tamén o sebo de año ou cabrito.

5. ¿Podo poñer vaselina nas cortizas?

Non é aconsellable porque rematará secándoas e endurecéndoas. Use Seibo, ou sebo de año ou cabrito.

6. Teño un fol de cabrito que perde algo de aire. ¿Que podo facer para evitalo?

Retire todos os tubos das súas buxas e tápeas perfectamente con cortizas. Abra unha delas e introduza no fol unha pequena cantidade de aceite de pata de boi e tápea de novo. Distribúa uniformemente o aceite polas paredes internas do fol fregando unha contra a outra dende o exterior. Elimine o exceso de aceite e infle o fol a tope volvendo tapar ben todas as buxas con cortizas. Déixeo así unha noite e comprobe se as perdas desapareceron.

O aceite de pata de boi foi sempre utilizado por curtidores e albardeiros para suavizar as peles e tapar os seus poros. Pode atoparse nos seus establecementos.

7. A miña gaita vai estar parada durante uns meses. ¿Que debo facer para preservala o mellor posible?

O mellor é desmontar a gaita completamente para que, na medida do posible, as cortizas recuperen a súa elasticidade inicial. Retire as palletas e pallóns e procure ventilar o fol para secar ben o seu interior. Unha vez que se asegure que non hai humidade, envolva as pezas por separado para evitar que se raien e gárdeas no seu estoxo protector.

Outras

1. ¿É posible encargar gaitas aneladas con marfil?

O Obradoiro de Gaitas Seivane non quere facer gaitas aneladas en marfil porque este está incluído na Convención sobre o comercio internacional de especies da fauna e da flora salvaxes en ameaza de extinción, que reúne a 160 estados e agrupa nos seus anexos ao redor de 25.000 especies vexetais e 5.000 especies animais. Pode utilizarse un sucedáneo (marfil sintético).

2. Vivo en Madrid, nunha zona de clima seco. ¿É aconsellable unha gaita de buxo?

Aconsellamos unha gaita de granadillo, porque a madeira de buxo é máis sensible aos climas extremos. Non quere dicir que non poida ter unha gaita de buxo en Madrid, sendo escrupuloso co coidado e o mantemento, pero quizais o granadillo ou cocobolo poidan ir mellor.

3. Teño previsto viaxar a Galicia nuns meses. ¿Podería visitar o Obradoiro de Gaitas Seivane e encargar alí, directamente, unha gaita?

Si, pódese visitar o taller, pero, sempre, logo de cita concertada por correo electrónico ou teléfono (ver todas indicacións de apartado de contacto). Tamén se poden encargar as gaitas acudindo persoalmente ao Obradoiro de Gaitas Seivane.

4. Somos un grupo ao que lle gustaría visitar o Obradoiro de Gaitas Seivane. ¿Con que antelación debemos pedir cita e cantas persoas podemos ir?

É necesario avisar con 15 días de antelación e poden vir un máximo de 30 persoas.

5. ¿É posible gravar un nome na gaita que quero encargar? ¿E un debuxo feito por mi?

Si, é posible personalizar a gaita cun nome, apelidos ou nome artístico. No caso do debuxo, é necesario que estea en formato dixital, preferiblemente vectorial.

6. Teño madeira de buxo que me regalaron, xa cortado hai uns anos. ¿É posible utilizala para construír unha gaita no Obradoiro de Gaitas Seivane?

Si, sempre que a madeira cumpra os requisitos e o nivel de calidade que nós esiximos.
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CECEBRE - CAMBRE - A Coruña - España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es