|
|
|
|
Dende o Obradoiro de Gaitas Seivane, poñemos un especial esmero en todo o proceso de fabricación das nosas gaitas, dende a selección e secado das madeiras, o mantemento e afiado das nosas ferramentas, o desenvolvemento dos diferentes pasos na súa elaboración, o afinado, o acabado e a presentación final.
Describimos a continuación os materiais utilizados e o proceso seguido:
Os materiais
Madeira
A madeira é o elemento principal co que se elaboran as gaitas. As máis apreciadas para as gaitas galegas son: pau santo, cocobolo, buxo e granadillo.
| |
Pau Santo |
Cocobolo |
Buxo |
Granadillo |
|
|
| Nome botánico |
Dalbergia nigra Fr. Allem. |
Dalbergia granadillo Pitt. |
Buxus Sempervirens L. |
Dalbergia melanoxylon Guill. Et Perr |
|
|
| Densidade |
800-900
Kg/m3 |
990-1.250
Kg/m3 |
900-1030
Kg/m3 |
1.250
Kg/m3 |
|
|
| Dureza |
Dura |
Moi dura |
Moi dura |
Moi dura |
|
|
| Cor |
Chocolate - marrón violáceo |
Marrón avermellado |
Amarelo pálido |
Marrón púrpura escuro con vetas negras |
|
|
A elección da madeira dependerá do gusto de cada gaiteiro, pero hai que ter en conta que unhas son máis sensibles que outras aos cambios bruscos de temperatura e humidade. No caso do buxo, a máis sensible, é pouco recomendable para zonas climáticas con temperaturas extremas.
Outro punto que hai que ter en conta á hora de escoller a madeira é o carácter tímbrico que lle vai achegar ao instrumento. O buxo é moi apreciado polos solistas pola súa dozura e riqueza harmónica. É a madeira autóctona que máis se utilizou para construír a gaita tradicional galega.
A escaseza do buxo e a inquietude por buscar novos timbres, levou os artesáns a buscar madeiras exóticas nobres como o cocobolo, o pau santo ou o granadillo. En concreto o granadillo, presenta unha tolerancia maior aos cambios de temperatura e humidade e achega un timbre cristalino e brillante. |
Anelado
Para a elaboración das anelas utilízanse diversos materiais: metacrilato negro ou imitación a marfil, latón, alpaca, o novo Seinox, prata e mesmo madeira, contrastando coa do instrumento.
Aínda que as gaitas antigas non dispoñían de anelas -o que as obrigaba a ser moito máis robustas- a súa utilización cumpre a función de protexer todas as furas de posibles fendas provocadas pola presión das cortizas. O mesmo sucede na campá do punteiro e na copa do ronco, ronqueta e chión que tamén quedan protexidas de posibles fendas debidas a golpes fortuítos ou movementos das madeiras.
Á parte desta función primaria de protección, as anelas xogan tamén un importante papel decorativo, distintivo e de personalización. No Obradoiro de Gaitas Seivane, ofrecémoslle ao gaiteiro a posibilidade de gravalas con múltiples deseños, ou co seu propio, así como cun nome ou un recordatorio. Por encarga tamén se seguen facendo gaitas sen anelado, a semellanza das antigas.
Unha mención á parte merecen as innovacións no tratamento dos metais introducido por Seivane ao anelado das gaitas. O repuxado ao torno, unha arte propia dos máis finos ourives, foi incorporado ao noso proceso de fabricación obtendo así un axuste perfecto ás madeiras á vez que elegantes e estéticos relevos, rebatidos, fendas ou medias canas.
A continuación pódese ver unha pequena descrición das anelas máis utilizadas en Seivane:
| • |
O metacrilato é un polímero que ten un índice de dilatación moi similar ao da madeira. Esta característica, unida ao seu brillo e á súa resistencia á intemperie e ao raiado, fan que sexa un material moderno moi axeitado para o anelado das gaitas.
|
| • |
A alpaca é unha aliaxe formada por zinc, cobre e níquel. A súa cor e brillo son moi parecidos aos da prata. O níquel faina bastante resistente aos medios corrosivos.
|
| • |
A prata é un metal precioso brando de cor branca. Para darlle máis consistencia adoitase facer aliaxes con cobre na proporción do 93% ou, o que é o mesmo, 930 milésimas. Alcanza un alto brillo característico cando se pule.
|
| • |
O latón, tamén chamado metal, é unha aliaxe de cobre e zinc. É de cor amarela.
|
| • |
O Seinox é unha aliaxe exclusiva de Seivane, de alta dureza, tenacidade e resistencia á corrosión. Tamén está libre de oxidación polo que o seu aspecto case non varía co paso do tempo. Esta característica faina ideal para fabricar anelas para gaitas. As anelas de Seinox non levan soldadura. |
|
Vestido
Para a funda ou vestido pódese escoller entre tres diferentes modelos. A funda normal, a dobre e a brocada. Para a confección dos vestidos utilízanse veludos e brocados de alta calidade nunha ampla gama de cores. É posible combinar calquera cor, tanto en fundas coma en farrapos. |
O proceso
O proceso de elaboración empeza coa corta da árbore. Por tradición e comprobación empírica, está demostrado que as mellores épocas de corta son o cuarto minguante da lúa de xaneiro e o cuarto minguante da lúa de agosto. En ambos os dous casos a circulación de sabia é mínima, polo que a súa expulsión será máis doada e rápida. Se esta sabia permanece demasiado tempo na madeira provoca o que nós chamamos madeira “pasmada”, sen vida. Trátase de conseguir un perfecto secado ao mesmo tempo que mantemos viva a madeira.
Unha vez cortada, déixase quince días sen cortarlle as ramas para que estas succionen a máxima cantidade de sabia posible. Despois de cortalas, tóranse os madeiros en pezas de 5060 cm e sérranse lonxitudinalmente en metades e cuartas partes. Con estes cortes a madeira queda distensionada e relaxada e evítanse as típicas fendas no secado posterior.
Comeza entón unha longa sucesión de fases de tratamento das que dependerá, en boa medida, a calidade final da madeira. Entra no local de secado e amoréase convenientemente para que o aire circule libremente entre os tacos. Despois dun ano, vólvese revisar e serrar para eliminar nós e impurezas, e déixase repousar de novo ata completar o proceso de secado que, en total, rolda os 10 anos.
Pasado este tempo, é o momento de serrar de novo as pezas coa axuda da intuición e experiencia do artesán e clasificala por dimensións, estabilidade, rectitude de vetas, aparencia estética, cor, gran, fibras, homoxeneidade, etc. e destinar cada peza a unha parte determinada da gaita.
O paso seguinte consiste en darlle forma redondeada no torno (cilindrado) e o seu pase ao almacén de repouso. Pouco a pouco vanse realizando diversas operacións no taller, como trades e desbastes que deben ser suaves e progresivos, evitando agresións físicas fortes para que non rompan as fibras moleculares e a madeira alcance a súa estabilidade definitiva. Entre as diversas actuacións que se realizan no taller e os repousos intermedios poden pasar 5 anos.
Deste xeito obtense un instrumento cun timbre excelente e con mínimos cambios físicos no futuro. |
|
|
|