Inicio

Obradoiro » As Persoas
Correo Electrónico

Mapa da Web

Obradoiro

As Persoas

Instalacións

Premios

Testemuños

Selos e Marcas

As Nosas Gaitas

Tenda

Documentación

Noticias

Susana Seivane

Contactar

Xosé Manuel Seivane
funda, en plena guerra civil, o seu primeiro taller en Fonmiñá, concello da Pastoriza (Lugo).

Álvaro e Xosé Manuel, incorporáronse dende nenos ao obradoiro no que hoxe continúan o labor iniciado polo seu pai.

Susana Seivane (filla de Álvaro), que xa tocaba a gaita aos cinco anos, é a terceira xeración desta saga de gaiteiros e achega a faceta creativa e interpretativa.
Un pouco de historia

Os comezos

Xosé Manuel Seivane Rivas naceu no ano 1921 na parroquia de Fonmiñá, concello de A Pastoriza, provincia de Lugo. Construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu sono infantil de facer o seu propio instrumento.

O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nacido na Pastoriza.

Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.

Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena guerra civil, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.

Conseguiu, deste xeito, reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.

A continuación

Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.

No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do do seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles se fonde para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.

A nova xeración

Un aire novo chegou coa incorporación ao taller, hai xa algún tempo, da creatividade de Susana Seivane (Barcelona, 1976) filla de Álvaro, que aos cinco anos xa tocaba a gaita e aos dez participaba en festivais como solista. Este feito tivo unha forte influencia nos mozos, especialmente nenas, que dende moi pronto se incorporaron ao mundo da gaita.


Sainza Seivane, irmá de Susana, Roberto Portela Seivane, tamén neto de Xosé, e Moisés Facal Rial son artesáns que forman, así mesmo, parte do Obradoiro de Gaitas Seivane.
A actualidade

Hoxe en día, Xosé Manuel acostuma estar polo obradoiro, recibindo visitas de vellos amigos e sorprendéndose coas novas xeracións de gaiteiros que adoitan dedicarlle o seu repertorio.

Álvaro e Xosé manteñen a liña de traballo marcada polo seu pai. Susana leva polo mundo o nome de Seivane, os seus instrumentos e o mellor do repertorio tradicional galego.

Nosa aportación

Nos últimos 50 anos, a gaita enriqueceuse enormemente e o obradoiro, aberto a comunicar e recibir calquera achado, participa en moitos dos diversos estudos que se desenvolven para unificar criterios e actualizar o instrumento sen perder de vista a súa orixe e autenticidade. Mostra deles son os de unificación de palletas ou o de perfeccionamento da afinación. No primeiro conséguese que os artesáns produzan canas de indubidable calidade que redundan nunha maior pureza do son dos punteiros. O segundo, achega a afinación natural da gaita á temperada para conseguir que esta se adapte con outros instrumentos clásicos ou modernos. A utilización de tranquillas para o modo menor é un claro exemplo, xa que proporciona un grao de perfección considerable, fronte ao uso anterior e impreciso de tapar a medias os buratos.

A tesitura foi ampliada no obradoiro dunha oitava a oitava e media e, no referente ás tonalidades, ademais de perfeccionar as tradicionais como son o Si (tumbal), Do (redonda) ou Re (grileira), desenvolveuse unha extensa gama cromática entre Re4 e Fa5. Así mesmo, Seivane achegou unha tímbrica característica que creou escola, tanto no que se refire aos punteiros, coma ao empaste xeral dos roncos. A dixitación “pechada” foi rescatada, definida e unificada o que contribuíu, sen dúbida, á súa extraordinaria expansión actual.

O taller, no seu afán de difundir ao máximo o noso instrumento máis característico, impartiu varios cursos de palletas e de gaitas dos que saíron excelentes discípulos.
Síganos en…          
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CECEBRE - CAMBRE - A Coruña - España
Tel/Fax: (+34) 981 676 656 • Email: obradoiro@seivane.es